Conforme ao previsto no Real Decreto 775/2011, de 3 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 34/2006, de 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de Avogado e Procurador dos Tribunais, para acceder aos ensinos oficiais deste mestrado será necesario estar en posesión do título de Licenciado en Dereito, Graduado en Dereito ou doutro título universitario de Grao equivalente que acredite a adquisición das competencias xurídicas delimitadas nesta norma:

  1. Coñecer e comprender os elementos, estrutura, recursos, interpretación e aplicación do ordenamento xurídico e interpretar as fontes e os conceptos xurídicos fundamentais de cada un dos distintos ordenamentos xurídicos.
  2. Coñecer e comprender os mecanismos e procedementos de resolución dos conflitos xurídicos, así como a posición xurídica das persoas nas súas relacións coa Administración e en xeral cos poderes públicos.
  3. Coñecer e saber aplicar os criterios de prelación das fontes para determinar as normas aplicables en cada caso, e en especial o da conformidade coas reglas, os principios e os valores constitucionais.
  4. Interpretar textos xurídicos dende unha perspectiva interdisciplinar empregando os principios xurídicos e os valores e principios sociais, éticos e deontolóxicos como ferramentas de análisis.
  5. Pronunciarse cunha argumentación xurídica convincente sobre unha cuestión teórica relativa ás diversas materias xurídicas.
  6. Resolver casos prácticos conforme ao Dereito positivo vixente, o que implica a elaboración previa de material, a identificación de cuestións problemáticas, a selección e interpretación do dato de Dereito positivo aplicable e a exposición argumentada da subsunción.
  7. Manexar con destreza e precisión a linguaxe xurídica e a terminoloxía propia das distintas ramas do dereito: redactar de forma ordeada e comprensible documentos xurídicos. Comunicar oralmente e por escrito ideas, argumentacións e razoamentos xurídicos empregando os rexistros axeitados en cada contexto.
  8. Empregar as tecnoloxías da información e as comunicacións para a busca e obtención de información xurídica (bases de datos de lexislación, xurisprudencia, bibliografía, etc.), así como ferramentas de traballo e comunicación.